Benvidos ao novo curso!
Como sempre vos digo, só temos que ir cos ollos ben abertos para disfrutar de todo o que a natureza nos da. Déixovos algunhas fotos de observacións de animais que fixen desde que rematou ou confinamento ata agora, todas en Coles, feitas como quen di á porta da casa! Animádevos a elaborar o voso propio caderno; aos de primeiro dareivos ideas para presentalo na clase.
Preséntovos ao lagarto ocelado (Timon lepidus), que atopei o 26 de maio. Espectacular!
Aquí tedes un grilo (Grillus campestris), a que parece increíble que saia un son tan potente dun animaliño tan pequeno? Pois fanno por un mecanismo chamado estridulación, que basicamente consiste en que frotan as ás coas patas. Este foi fotografiado o 31 de maio.A primeira das seguintes fotos é dunha vacaloura ou escornabois (ciervo volante en castelán). O seu nome científico é Lucanus cervus. Ten un ciclo de vida que dura varios anos, cunha metamorfose completa, pero no seu estado adulto só sobrevive unhas semanas durante o verán. Este exemplar atopeino o 5 de xullo. Ao seu carón está un exemplar de "ciervo volante menor", de nome científico Dorcus parallelipipedus, é dicir, doutra especie completamente diferente. Fíxenlle a foto o 14 de agosto.
Outro insecto moi coñecido é a palmesa ou barbantesa (Mantis religiosa), esta estaba tan campante o 2 de agosto.

Por último, aquí tedes un precioso ourizo cacho (Erinaceus europaeus), adorable! Estaba o 26 de agosto dentro da finca e preto da piscina. Como non é o primeiro que se afoga, levámolo ao bosquiño que está ao carón, por suposto enroscadiño sobre sí mesmo e asustado. Despois de soltalo houbo que esperar un bo rato a que se relaxara e buscara a seguridade a carón da árbore onde foi fotografiado.




