mércores, 5 de maio de 2021

PLANTAS: EXPERIENCIAS NO LABORATORIO

Recentemente rematamos o tema das plantas en 1º da ESO, e complementámolo con dúas bonitas prácticas no laboratorio:

OBSERVACIÓN DE ESTOMAS AO MICROSCOPIO

En primeiro lugar aprendemos a mirar ao microscopio seguindo unhas sinxelas instrucións. A continuación pintamos unha pequena sección do envés da folla que escollemos con laca de unllas transparente.

Esperamos a que secara e fixemos un tirón seco cunha tira de celo. Deste xeito conseguimos arrincar a capa máis externa de células do envés da folla, onde se atopan os estomas. Colocamos o celo sobre un portaobxectos.
Por último observamos as nosas mostras apreciando que a morfoloxía dos estomas é diferente segundo a especie de folla que utilizaramos.
Podedes ver máis fotos desta experiencia premendo aquí

CROMATOGRAFÍA DE PIGMENTOS VEXETAIS
En primeiro lugar troceamos as follas con axuda dunhas tesoiras dentro do morteiro.
A continuación mesturámolas cun dedo de alcol de 96º e cunha culler de area e machamos a mestura no morteiro, coa finalidade de extraer a maior cantidade posible de pigmentos das follas.
Vertemos o líquido resultante nun vaso de precipitados colándolo a través dun filtro que fabricamos nós mesmos e colocamos nun embude.
Deixamos filtrar e colocamos un trozo de papel de filtro sostido nun lápiz tal e como se ve nas fotos para que o líquido subira por capilaridade. Os distintos pigmentos acadan diferentes distancias, e deste xeito sepáranse e podemos apreciar claramente a xantofila e a clorofila a e b.
Podedes ver máis fotos desta experiencia premendo aquí 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.