xoves, 1 de xuño de 2023

HERBARIO 22-23

O profe de tecnoloxía, Julio Peaguda, construiunos esta prensa tan eficaz para prensar follas para o noso herbario:


Recollemos mostras no entorno do colexio e o día que subimos ao castro de Santomé, pescudamos os seus nomes científicos e vulgares e finalmente fixemos un pequeno herbario do que podemos ver algunhas mostras.

Nesta foto temos varias árbores de ribeira que se atopan na beira do Loña:

Nestoutra, sen embargo, podemos observar dúas especies invasoras que, por sorte, non están no noso entorno máis próximo, pero si as podemos atopar en diferentes lugares da cidade e provincia.


domingo, 23 de abril de 2023

EXCURSIÓN A PENA CORNEIRA

 O 18 de abril pasamos unha estupenda mañá de excursión campestre en Pena Corneira. 

Ademais de facer unha pequena ruta circular cunha parada espectacular no miradoiro do Outeiral, tamén visitamos a igrexa de San Tomé de Serantes e a área etnográficao do Regato do Foxo. 







martes, 28 de marzo de 2023

ECOAUDITORÍA

O grupo de Proxecto Competencial de 3º de ESO estivo a informarse sobre distintos aspectos da vida do centro relacionados coa sustentabilidade para facer un diagnóstico e propostas de mellora. Recolleron os datos e resumiron o que queda por facer no seguinte documento. Agora queda comunicar/solicitar/animar a toda a comunidade educativa e outras administracións con responsabilidade as conclusións:



CADERNO DE CAMPO DE OUTONO-INVERNO

O grupo de Proxecto Competencial de 1º de ESO realizou o caderno de campo de outono-inverno que podemos ver a continuación. Fixeron diversas observacións da natureza que nos arrodea, buscaron información, elaboraron un pequeno texto explicativo e montamos todo nunha presentación colaborativa. Este é o resultado:


luns, 20 de xuño de 2022

PRÁCTICAS DE LABORATORIO DO CURSO 2021-2022

Retomamos o blogue recuperando unha pequena escolma das actividades prácticas realizadas ao longo do curso 2021-2022 no Departamento:








venres, 17 de xuño de 2022

METROMINUTO E PAISAXE

METROMINUTO DE OURENSE

Na materia de Promoción de Estilos de Vida Saudables de 1º de ESO traballouse na elaboración de metrominutos, é dicir, planos da cidade ao estilo dos planos do metro con "paradas" nos puntos máis concurridos da cidade e o tempo a pé que nos leva percorrer a distancia entre uns e outros.

Os outros metrominutos non quedaron atrás, como podedes ver nas seguintes fotos:
Xa non temos desculpa para non camiñar polas rúas da nosa cidade e mellorar os nosos hábitos de saúde!

Por outra banda, na materia de Paisaxe e Sustentabilidade xuntouse unha morea de información de interese sobre a paisaxe que rodea ao noso colexio, e reflectiuse no mural que podedes ver a continuación:








mércores, 5 de maio de 2021

PLANTAS: EXPERIENCIAS NO LABORATORIO

Recentemente rematamos o tema das plantas en 1º da ESO, e complementámolo con dúas bonitas prácticas no laboratorio:

OBSERVACIÓN DE ESTOMAS AO MICROSCOPIO

En primeiro lugar aprendemos a mirar ao microscopio seguindo unhas sinxelas instrucións. A continuación pintamos unha pequena sección do envés da folla que escollemos con laca de unllas transparente.

Esperamos a que secara e fixemos un tirón seco cunha tira de celo. Deste xeito conseguimos arrincar a capa máis externa de células do envés da folla, onde se atopan os estomas. Colocamos o celo sobre un portaobxectos.
Por último observamos as nosas mostras apreciando que a morfoloxía dos estomas é diferente segundo a especie de folla que utilizaramos.
Podedes ver máis fotos desta experiencia premendo aquí

CROMATOGRAFÍA DE PIGMENTOS VEXETAIS
En primeiro lugar troceamos as follas con axuda dunhas tesoiras dentro do morteiro.
A continuación mesturámolas cun dedo de alcol de 96º e cunha culler de area e machamos a mestura no morteiro, coa finalidade de extraer a maior cantidade posible de pigmentos das follas.
Vertemos o líquido resultante nun vaso de precipitados colándolo a través dun filtro que fabricamos nós mesmos e colocamos nun embude.
Deixamos filtrar e colocamos un trozo de papel de filtro sostido nun lápiz tal e como se ve nas fotos para que o líquido subira por capilaridade. Os distintos pigmentos acadan diferentes distancias, e deste xeito sepáranse e podemos apreciar claramente a xantofila e a clorofila a e b.
Podedes ver máis fotos desta experiencia premendo aquí 


luns, 5 de abril de 2021

Semana da árbore (22 a 26 de marzo)

Celebramos a semana da árbore en 1º de ESO con dúas actividades: a identificación das árbores do patio e unha excursión a San Tomé.

En colaboración coa Biblioteca e o Equipo de Normalización Lingüística identificamos as árbores do patio do colexio.

Escribimos o nome científico, nome común e un apuntamento de interese nunha lousa que colocamos ao carón das nosas árbores e arbustos.


A maioría de especies do cole son ornamentais e non autóctonas, con algunhas excepcións (acivro, cancereixo, castiñeiro, freixo).

Premendo aquí podedes ver as fotos da elaboración e o resultado, e nesta páxina tedes un par de exemplos.

Premendo aquí tedes un bonito resumo en vídeo da actividade que realizaron no Departamento de Normalización.


O xoves 25 o Departamento de Xeografía e Historia e o de Bioloxía e Xeoloxía organizamos unha pequena excursión ao castro de San Tomé que domina a nosa cidade.

Pola parte que nos toca, disfrutamos da variedade botánica que hai neste espazo natural: desde os maxestuosos piñeiros mansos aos fermosos carballos e os característicos érvedos ata os pequenos fentos. Ademais observamos as marmitas de xigante que o río Loña escavou no seu leito ao longo dos tempos. Premendo aquí tedes algunhas fotos da bonita mañá que pasamos.
Para rematar a semana, o venres 26 de marzo, a investigadora en Físicas Susana Bayo, deunos unha charla moi interesante sobre a muller na ciencia e o cambio climático.

mércores, 18 de novembro de 2020

Excursión a San Tomé con Paisaxe e Sustentabilidade

O 17 de novembro demos un paseo estupendo ata o Castro de San Tomé, ás costas do noso colexio. Fomos os alumnos de Paisaxe e Sustentabilidade, de Latín e de Cultura Clásica cos profes correspondentes.

Na subida puidemos observar algunha que outra manifestación do feísmo que estraga a nosa paisaxe. Sen embargo, gañaron os aspectos positivos: a antiga calzada romana, a nova excavación do Castro, as vistas ás marmitas de xigante, os érbedos en pleno froito....