mércores, 5 de maio de 2021

PLANTAS: EXPERIENCIAS NO LABORATORIO

Recentemente rematamos o tema das plantas en 1º da ESO, e complementámolo con dúas bonitas prácticas no laboratorio:

OBSERVACIÓN DE ESTOMAS AO MICROSCOPIO

En primeiro lugar aprendemos a mirar ao microscopio seguindo unhas sinxelas instrucións. A continuación pintamos unha pequena sección do envés da folla que escollemos con laca de unllas transparente.

Esperamos a que secara e fixemos un tirón seco cunha tira de celo. Deste xeito conseguimos arrincar a capa máis externa de células do envés da folla, onde se atopan os estomas. Colocamos o celo sobre un portaobxectos.
Por último observamos as nosas mostras apreciando que a morfoloxía dos estomas é diferente segundo a especie de folla que utilizaramos.
Podedes ver máis fotos desta experiencia premendo aquí

CROMATOGRAFÍA DE PIGMENTOS VEXETAIS
En primeiro lugar troceamos as follas con axuda dunhas tesoiras dentro do morteiro.
A continuación mesturámolas cun dedo de alcol de 96º e cunha culler de area e machamos a mestura no morteiro, coa finalidade de extraer a maior cantidade posible de pigmentos das follas.
Vertemos o líquido resultante nun vaso de precipitados colándolo a través dun filtro que fabricamos nós mesmos e colocamos nun embude.
Deixamos filtrar e colocamos un trozo de papel de filtro sostido nun lápiz tal e como se ve nas fotos para que o líquido subira por capilaridade. Os distintos pigmentos acadan diferentes distancias, e deste xeito sepáranse e podemos apreciar claramente a xantofila e a clorofila a e b.
Podedes ver máis fotos desta experiencia premendo aquí 


luns, 5 de abril de 2021

Semana da árbore (22 a 26 de marzo)

Celebramos a semana da árbore en 1º de ESO con dúas actividades: a identificación das árbores do patio e unha excursión a San Tomé.

En colaboración coa Biblioteca e o Equipo de Normalización Lingüística identificamos as árbores do patio do colexio.

Escribimos o nome científico, nome común e un apuntamento de interese nunha lousa que colocamos ao carón das nosas árbores e arbustos.


A maioría de especies do cole son ornamentais e non autóctonas, con algunhas excepcións (acivro, cancereixo, castiñeiro, freixo).

Premendo aquí podedes ver as fotos da elaboración e o resultado, e nesta páxina tedes un par de exemplos.

Premendo aquí tedes un bonito resumo en vídeo da actividade que realizaron no Departamento de Normalización.


O xoves 25 o Departamento de Xeografía e Historia e o de Bioloxía e Xeoloxía organizamos unha pequena excursión ao castro de San Tomé que domina a nosa cidade.

Pola parte que nos toca, disfrutamos da variedade botánica que hai neste espazo natural: desde os maxestuosos piñeiros mansos aos fermosos carballos e os característicos érvedos ata os pequenos fentos. Ademais observamos as marmitas de xigante que o río Loña escavou no seu leito ao longo dos tempos. Premendo aquí tedes algunhas fotos da bonita mañá que pasamos.
Para rematar a semana, o venres 26 de marzo, a investigadora en Físicas Susana Bayo, deunos unha charla moi interesante sobre a muller na ciencia e o cambio climático.

mércores, 18 de novembro de 2020

Excursión a San Tomé con Paisaxe e Sustentabilidade

O 17 de novembro demos un paseo estupendo ata o Castro de San Tomé, ás costas do noso colexio. Fomos os alumnos de Paisaxe e Sustentabilidade, de Latín e de Cultura Clásica cos profes correspondentes.

Na subida puidemos observar algunha que outra manifestación do feísmo que estraga a nosa paisaxe. Sen embargo, gañaron os aspectos positivos: a antiga calzada romana, a nova excavación do Castro, as vistas ás marmitas de xigante, os érbedos en pleno froito....




















martes, 15 de setembro de 2020

Caderno de campo primavera-verano 2020.

Benvidos ao novo curso!

Como sempre vos digo, só temos que ir cos ollos ben abertos para disfrutar de todo o que a natureza nos da. Déixovos algunhas fotos de observacións de animais que fixen desde que rematou ou confinamento ata agora, todas en Coles, feitas como quen di á porta da casa! Animádevos a elaborar o voso propio caderno; aos de primeiro dareivos ideas para presentalo na clase.

Preséntovos ao lagarto ocelado (Timon lepidus), que atopei o 26 de maio. Espectacular!
Aquí tedes un grilo (Grillus campestris), a que parece increíble que saia un son tan potente dun animaliño tan pequeno? Pois fanno por un mecanismo chamado estridulación, que basicamente consiste en que frotan as ás coas patas. Este foi fotografiado o 31 de maio.
A primeira das seguintes fotos é dunha vacaloura ou escornabois (ciervo volante en castelán). O seu nome científico é Lucanus cervus. Ten un ciclo de vida que dura varios anos, cunha metamorfose completa, pero no seu estado adulto só sobrevive unhas semanas durante o verán. Este exemplar atopeino o 5 de xullo. Ao seu carón está un exemplar de "ciervo volante menor", de nome científico Dorcus parallelipipedus, é dicir, doutra especie completamente diferente. Fíxenlle a foto o 14 de agosto.
Outro insecto moi coñecido é a palmesa ou barbantesa (Mantis religiosa), esta estaba tan campante o 2 de agosto.
Por último, aquí tedes un precioso ourizo cacho (Erinaceus europaeus), adorable! Estaba o 26 de agosto dentro da finca e preto da piscina. Como non é o primeiro que se afoga, levámolo ao bosquiño que está ao carón, por suposto enroscadiño sobre sí mesmo e asustado. Despois de soltalo houbo que esperar un bo rato a que se relaxara e buscara a seguridade a carón da árbore onde foi fotografiado.