mércores, 18 de novembro de 2020

Excursión a San Tomé con Paisaxe e Sustentabilidade

O 17 de novembro demos un paseo estupendo ata o Castro de San Tomé, ás costas do noso colexio. Fomos os alumnos de Paisaxe e Sustentabilidade, de Latín e de Cultura Clásica cos profes correspondentes.

Na subida puidemos observar algunha que outra manifestación do feísmo que estraga a nosa paisaxe. Sen embargo, gañaron os aspectos positivos: a antiga calzada romana, a nova excavación do Castro, as vistas ás marmitas de xigante, os érbedos en pleno froito....




















martes, 15 de setembro de 2020

Caderno de campo primavera-verano 2020.

Benvidos ao novo curso!

Como sempre vos digo, só temos que ir cos ollos ben abertos para disfrutar de todo o que a natureza nos da. Déixovos algunhas fotos de observacións de animais que fixen desde que rematou ou confinamento ata agora, todas en Coles, feitas como quen di á porta da casa! Animádevos a elaborar o voso propio caderno; aos de primeiro dareivos ideas para presentalo na clase.

Preséntovos ao lagarto ocelado (Timon lepidus), que atopei o 26 de maio. Espectacular!
Aquí tedes un grilo (Grillus campestris), a que parece increíble que saia un son tan potente dun animaliño tan pequeno? Pois fanno por un mecanismo chamado estridulación, que basicamente consiste en que frotan as ás coas patas. Este foi fotografiado o 31 de maio.
A primeira das seguintes fotos é dunha vacaloura ou escornabois (ciervo volante en castelán). O seu nome científico é Lucanus cervus. Ten un ciclo de vida que dura varios anos, cunha metamorfose completa, pero no seu estado adulto só sobrevive unhas semanas durante o verán. Este exemplar atopeino o 5 de xullo. Ao seu carón está un exemplar de "ciervo volante menor", de nome científico Dorcus parallelipipedus, é dicir, doutra especie completamente diferente. Fíxenlle a foto o 14 de agosto.
Outro insecto moi coñecido é a palmesa ou barbantesa (Mantis religiosa), esta estaba tan campante o 2 de agosto.
Por último, aquí tedes un precioso ourizo cacho (Erinaceus europaeus), adorable! Estaba o 26 de agosto dentro da finca e preto da piscina. Como non é o primeiro que se afoga, levámolo ao bosquiño que está ao carón, por suposto enroscadiño sobre sí mesmo e asustado. Despois de soltalo houbo que esperar un bo rato a que se relaxara e buscara a seguridade a carón da árbore onde foi fotografiado.


luns, 27 de abril de 2020

Tarefa de Saúde

Bo día!
Vouvos propoñer unha última tarefa para rematar o curso de Promoción de Estilos de Vida Saudables. Como esta materia é unha optativa cunha sola hora semanal, coido que é suficiente con realizar este pequeno proxecto para rematar o curso.
A tarefa trata sobre os azucres ocultos nos alimentos, e o que tedes que facer é responder de xeito argumentado á seguinte cuestión: "Deberíase limitar a publicidade de produtos azucrados?"
Para elo proporciónovos  unha serie de instrucións e informacións no documento que vos envío por email.  Tedes que lelo atentamente e ir seguindo os pasos que vos vou marcando.
Se algún non recibe o correo, que se poña en contacto conmigo en bxmende@gmail.com
Saúdos e moito ánimo!!!

luns, 20 de abril de 2020

Tarefa de Paisaxe.

Bo día!
Vouvos propoñer unha última tarefa para rematar o curso de Paisaxe e Sustentabilidade. Como esta materia é unha optativa cunha sola hora semanal, coido que é suficiente con realizar este pequeno proxecto para rematar o curso.
A tarefa trata sobre o feísmo, e o que tedes que facer é responder de xeito argumentado á seguinte cuestión: "Deberíase sancionar de xeito efectivo o feísmo en Galicia?"
Para elo proporciónovos  unha serie de instrucións e informacións no documento que vos envío por email.  Tedes que lelo atentamente e ir seguindo os pasos que vos vou marcando.
Se algún non recibe o correo, que se poña en contacto conmigo en paisaxemende@gmail.com
Saúdos e moito ánimo!!!

luns, 13 de abril de 2020

Usuarios da aula virtual de BioXeo. Tarefas de Saúde e Paisaxe

Bo día a todos e moito ánimo para seguir a levar esta situación extraordinaria!

A día de hoxe non temos instrucións concretas acerca do xeito de avaliar e outros aspectos importantes para desenvolvernos nesta terceira avaliación.

Sen embargo, pase o que pase, é positivo para todos estar en contacto e poder traballar do xeito máis cómodo posible. Ata agora accedíades ás aulas virtuais dos distintos cursos como convidados, pero a partires de agora terédelo que facer como usuarios da mesma e así poderedes subir as tarefas, participar en conversas...

Para elo envieivos un correo a cada un de vós co voso nome de usuario e o que debedes facer para cambiar a vosa clave.

Nas aulas virtuais tedes máis información. Aqueles que non recibistes o correo debedes enviarme un e-mail identificándovos para que vos mande o voso nome de usuario.

Respecto aos alumnos de outras materias:

Promoción de Estilos de Vida Saudables 1º ESO: por favor, enviádeme a bxmende@gmail.com as presentacións que estivestes a facer na clase durante as últimas 6 sesións de clase incorporando a información que vos pedín que completarades na entrada deste blogue do 13 de abril.
Sei que algúns de vós non tiñades copia do feito na clase, así que facede o que podades. Lembrade ser claros e organizados, non se trata de facer unha presentación longa, senón coherente e ben presentada. Tomade como referencia as páxinas que deberíades ter apuntadas (https://www2.uned.es/pea-nutricion-y-dietetica-I/guia/guia_nutricion/index.htm?ca=n0,  http://www.estilosdevidasaludable.mscbs.gob.es/alimentacionSaludable/queSabemos/informacionAlimentos/home.htm)
Lembrade que sobre este tema hai moita desinformación na rede, así que é moi importante basearse en fontes fiables.
Tedes ata o luns 27 de abril. Ese día explicareivos as actividades novas para este trimestre.

Paisaxe e Sustentabilidade 2º ESO:
Imos poñernos ao día, e para elo tedes que enviarme as tarefas pendentes ata o luns 20 de abril. Ese día explicareivos as actividades para este trimestre.
IMPORTANTE: NOVO CORREO PARA PAISAXE: paisaxemende@gmail.com
-Os que non me chegastes a entregar a presentación "Os elementos da paisaxe" que estivemos a facer no 2º trimestre mandádema.
-Os que non me enviastes o proxecto sobre "O meu entorno" que vos pedín na entrada deste blogue do 13 de marzo enviádema.

Saúdos e ánimo!

martes, 7 de abril de 2020

Mitose en células de raíz de cebola con 4º de ESO-19/20.

Antes de retomar o curso nas aulas virtuais e á espera de ter instrucións precisas sobre como imos levalo, imos recordar esta actividade.

Estudando o tema da célula e a súa división, en 4º realizamos a clásica práctica de preparación e observación de mitose en células de raíz de cebola.

Seguimos os pasos que veredes a continuación:

1. Puxemos varias cebolas coas raíces en contacto coa auga, como vedes, para estimular o seu crecemento e así ter células en división para a nosa mostra. Esperamos unha semana e comprobamos que as raíces estaban a medrar:

2. Preparamos o material necesario para facer a práctica: vidro de reloxo, bisturí, tesoiras, pinzas, cubeta, mecheiro de alcohol, portaobxectos e cubreobxectos e orceína A e B.

3. Cortamos os últimos 2-3 mm dunha raiciña en crecemento e a depositamos no vidro de reloxo:







4. Cubrímola cunhas gotiñas de orceína A e quentámola á lapa do mecheiro de alcol con coidado, vendo como vai emitindo vapores pero sen chegar a resecarse nin queimarse. Dámoslle uns minutos para que abrande os tecidos.


5. A continuación pasamos a mostra con coidado do vidro de reloxo ao portaobxectos e botamos unha pinga de orceína B sobre ela para completar o proceso de tinción:

6. Esperamos un minuto e poñemos o cubreobxectos con coidado. Co mango dunha agulla enmangada damos varios golpiños para estender as células da mostra, e despois presionamos sobre ela tras colocar 5ou 6 tiras de papel de filtro (neste paso esquecimos facer fotos). Este é o resultado dunha das parellas:



7. Observamos as nosas mostras ao microscopio con paciencia, pois non nos resultou doado localizar núcleos en mitose nos que poder identificar claramente as fases da mitose, pero pudemos observar os cromosomas.

venres, 3 de abril de 2020

Aclaracións, novas e ideas para a Semana Santa.

Nestas tres semanas que transcurriron desde a suspensión das clases polo coronavirus funvos subindo actividades e ideas para traballar ás aulas virtuais. Como non son avaliables, calculei as notas da 2ª avaliación tendo en conta o voso traballo entre o 8 de xaneiro e o 13 de marzo.

Estamos á espera de instrucións para organizarnos a partir de Semana Santa, e veremos si podemos avanzar temario e avaliar. En canto teña a información faréivola chegar, lembrade mirar de cando en vez este blog e a aula virtual que vos corresponda.

A pesar desta situación tan especial, a próxima semana é un período non lectivo, polo que non vos vou pedir que traballedes de xeito específico nas distintas materias. Sen embargo, achégovos algunhas ideas que vos poden axudar a entretervos nestes días ao tempo que aprendedes:

Unha boa opción é facer manualidades con material reciclado que teñades pola casa, desde un modelo do Sistema Solar ata unha maqueta dunha célula "comestible"  (tedes centos de ideas na rede) pasando por modelos anatómicos e recortables (por exemplo, aquí podedes descargar o ollo humano e aquí o oído de Ellen McHenry).

Ademais, podedes facer pequenos experimentos caseiros tan sinxelos como o que tedes aquí para explicarlle aos vosos irmáns pequenos por que hai que lavar as mans, ou calquera dos de esta lista de reprodución de youtube sobre experimentos de bioloxía caseiros.

Se vos animades con algunha manualidade ou experimento mandádeme fotos ao correo bxmende@gmail.com

Por último, hai infinidade de webs onde ver documentales online, como a web de rtvedocumania tv ou national geographic  En youtube tamén tedes acceso a infinidade de material, o complicado é escoller cáles son fiables e cales non...por exemplo aquí e aquí tedes canles que poden servir.

Ánimo, organizádevos para aproveitar o tempo sen agobiarvos.

mércores, 25 de marzo de 2020

A vida nunha gota de auga con 1º de ESO-19/20.

En primeiro lugar, lémbrovos que tedes as actividades e ideas para desenvolver estes días sen clases na aula virtual.

A última semana de clases antes de que se suspenderan, nas aulas de 1º de ESO estivemos observando a vida nunha gota de auga.

Para elo, moitos dos rapaces trouxeron mostras de auga recollidas en distintos estanques que deixaron repousar durante varios días con restos de follas, substrato das charcas...

Algúns baixamos ao estanque do noso patio para coller as mostras, que sempre hai que identificar rotulando a data, lugar e persona que recolle a mostra. Así despois non as confundiremos.




A continuación observamos as mostras ao microscopio. Para elo aprendemos como utilizalo correctamente, comezando sempre polo obxectivo de menor tamaño e coa platina o máis alonxada posible do mesmo, e regulando co macrométrico e micrométrico ata obter imaxes nítidas. Só entón podemos pasar ao seguinte obxectivo.

Deste xeito puidemos observar algas unicelulares do xénero Volvox, algas verdes filamentosas, algunha euglena e protozoos, sobre todo ciliados do grupo dos paramecios. Tamén apareceu algunha vorticella.
Nesta ocasión non tivemos sorte coas amebas. Agardamos que noutra ocasión non se nos resistan!








mércores, 18 de marzo de 2020

Que sabemos sobre os virus?

Bo día, antes de nada lémbrovos que tedes as tarefas para PEVS e Pe S na anterior entrada do blog, e que para a materia de BioXeo dos distintos cursos vouvos actualizando na aula virtual.

Agora imos á actualidade... a palabra máis repetida nestes días é CORONAVIRUS, e este é o seu aspecto:
Pero rebobinemos...Antes de pararnos no COVID-19, que sabemos dos virus?
Entre a inxente cantidade de información que temos dispoñible o complicado é escollela, así que vos paso os seguintes enlaces, nos que podemos ver unha serie de explicacións sinxelas pero rigorosas sobre os virus.
Este primeiro grupo son vídeos curtos da Rede Mexicana de Viroloxía, cos que aprenderemos os conceptos básicos sobre os virus:
¿Qué son los virus?
¿De dónde vienen los virus?
¿Cómo nos defendemos de los virus?

A continuación mirade estes vídeo de TED en Español, unha canle moi recomendable! No segundo deles ídesvos quedar abraiados coa historia da varíola:
¿Cómo se contagian los gérmenes y por qué nos enferman?
Como conquistamos el virus de la letal viruela.

E agora sí, vexamos que pasa con COVID-19. Na web do SERGAS temos acceso á seguinte información, realmente práctica:
Información sobre o coronavirus. Teresa Queiro, Xefa do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUS.
Como protexer as nenas e nenos do coronavirus. E-Saúde.
Como realizar un correcto lavado de mans. E-Saúde.

Por último, póñovos esta animación, que é fantástica, sobre o mecanismo de actuación do virus no corpo humano... Como xa temos falado, o idioma da ciencia é o inglés, e este vídeo de momento non ten a opción de subtítulos, pero penso que, sobre todo os de 3º E 4º de ESO, podedes miralo e tentar comprendelo. Á volta explicarémolo.
Mecanismo de actuación do COVID-19 no corpo humano. Scientific Animations.

Saúdos, paciencia e moita responsabilidade!


venres, 13 de marzo de 2020

Actividades para facer durante a suspensión das clases polo coronavirus-marzo 2020.

Nestes días en que non temos clase non deberíades esquecervos de traballar todos os días un pouquiño. Así non perderedes o ritmo e a volta será máis doada para todos.

Para os distintos cursos de Bioloxía e Xeoloxía ireivos colgando a partir do luns 16 as actividades e enlaces na aula virtual (lembrade entrar como convidados usando a clave que vos din na clase-1ºESO:2007, 3ºESO:2005, 4ºESO:2004).

Para a materia de Promoción de Estilos de Vida Saudables nestas dúas semanas  buscade información sobre cada un dos grupos de alimentos nos que estades traballando, e traédea seleccionada e organizada para a volta.

Os alumnos de Paisaxe e Sustentabilidade tedes que facer a seguinte actividade:
"O meu entorno"
A ficha debe servirvos como guión, pero non tedes por que cubrila tal e como está, podedes adaptala ao lugar que escollades e presentala o mellor posible. O ideal sería que utilizarades un folio/cartulina en tamaño A-3 e situarades a imaxe no seu centro e a información en torno a ela.

Para calquera dúbida podédesme mandar un correo a bxmende@gmail.com

Lembrade ter sentidiño nestes días:

mércores, 19 de febreiro de 2020

Disección de ollo de porco 19/20.

Para completar o tema da función de relación e en concreto os órganos dos sentidos os alumnos e alumnas de 3º de ESO observaron a anatomía do ollo de porco.
Primeiro viron un vídeo (https://www.youtube.com/watch?v=dKcip7AxyzY) no que se recordaba as distintas estruturas do ollo e a súa función a medida que se ía practicando unha disección.
A continuación pasaron a comprobar por sí mesmos se podían identificalas in situ.

Aquí están as fotos da experiencia: